Xogade Xogade Xunta de Galicia Xogade

Novas

18/11/2013

A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE SOLICITA AO PRESIDENTE DA FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL O INMEDIATO LEVANTAMENTO DA PARALIZACIÓN DA ACTIVIDADE ANUNCIADA NO DÍA DE ONTE

Logo da reunión entre o Secretario Xeral para o Deporte e o Presidente da Federación celebrada esta mañá

 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2014.-  Na mañá de hoxe, e logo da reunión mantida entre o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o Presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, o Secretario Xeral solicitoulle ao Presidente da federación o inmediato levantamento da paralización da actividade anunciada no día de onte, manifestado este o seu compromiso en proceder ao mesmo.

Segundo se informa a esta Secretaría Xeral por parte da compañía aseguradora, a cobertura do seguro para o fútbol de 6 a 16 anos é efectiva para toda a tempada 2013/2014 dende as 00 horas do pasado día 15, polo que se debe insistir en que, en todo momento, a cobertura estivo en vigor, ao enlazar a que vencía coa nova vixente dende este pasado venres,  e polo tanto non ten existido razón algunha para a actuación da Federación acordando a paralización da actividade.

A cobertura do fútbol de XOGADE

“A Federación Galega de Fútbol é coñecedora dende fai uns meses de que o seguro deportivo da súa modalidade en XOGADE sería cuberto por un seguro que a propia Federación debería de concertar directamente -para o que a Secretaría Xeral para o Deporte lle destinará, vía convenio,  300.000 euros-, e non a través do xenérico contrato de seguro que a Secretaría Xeral para o Deporte subscribe directamente para o resto de modalidades deportivas”. Así o afirmou Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte, quen recordou que este sistema xa se empregara na tempada 11/12.

A Secretaría Xeral para o Deporte lamenta a alarma inxustificada que xerou a nota emitida onte pola Federación Galega de Fútbol e reitera o seu apoio ao deporte en idade escolar a través do programa XOGADE en todas as súas modalidades deportivas, incluída o fútbol.

Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Secretaría Xeral para o Deporte
EGAP - Rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), 2ª andar 15781 Santiago de Compostela TLF. 881 99 63 63

Galicia